INTERACCIÓNS SOCIEDADE-MEDIO AMBIENTE: ANÁLISE ESTRATIGRÁFICA E SEDIMENTARIA NO NOROESTE PENINSULAR
Palabras clave:
Sistemas humano ambientais, pegada humana, estratigrafía, Xeografía Ambiental, Historia AmbientalResumen
O proxecto “Interaccións Sociedade-Medio Ambiente en Rexistros Estratigráficos e Sedimentarios” propón unha aproximación interdisciplinaria para estudar as relacións entre as sociedades humanas e o medio natural no noroeste da Península Ibérica. O enfoque parte da Xeografía Física, empregando a Xeografía Ambiental e a Historia Ambiental como marcos conceptuais para interpretar as interaccións entre procesos naturais e accións humanas ao longo do espazo e do tempo. A investigación céntrase no estudo de rexistros estratigráficos e sedimentarios en sistemas fluviais, áreas costeiras e xacementos arqueolóxicos, combinando análises sincrónicas e diacrónicas. A través desta metodoloxía, busca comprender as transformacións espaciais e temporais nas paisaxes, identificando as pegadas ambientais deixadas pola actividade humana. Destaca a importancia dos ecosistemas fluviais e costeiros como indicadores de cambios ambientais e reflexo das interaccións sociedade-medio ambiente. Así mesmo, propón un marco conceptual que contribúe á análise das dinámicas de vulnerabilidade e resiliencia dos ecosistemas fronte ás presións antropoxénicas, promovendo unha visión integral que une o pasado e o presente para anticipar desafíos futuros. Esta investigación aspira a ofrecer unha base sólida para o desenvolvemento de ferramentas dirixidas á xestión e preservación do patrimonio natural e cultural.