ARTE RUPESTRE E TRADICIÓN ORAL NO VAL DO TEA: EXTERNALIZANDO A MEMORIA DO PATRIMONIO ARQUEOLÓXICO
Palavras-chave:
etnoarqueoloxía, petróglifos, toponimia, socialización, multivocalidadeResumo
A investigación arqueolóxica dos gravados rupestres en Galicia comeza a principios do pasado século XX, con achegas que primaban a cuantificación e a catalogación destas manifestacións. A materialidade dos elementos arqueolóxicos centraba os estudos, mais que acontece co patrimonio inmaterial fixado sobre estes bens culturais? Como se coñecen estas representacións rupestres na súa contorna?
A proposta que aquí se presenta tenta abordar unha aproximación etnoarqueolóxica –unha liña escasamente desenvolvida no ámbito galego– para os petróglifos do val do Tea (Pontevedra, Galicia). Con ela procúrase atender á tradición oral, principalmente ás narrativas e á toponimia asentadas sobre os lugares con arte rupestre, como medio de conformación da paisaxe simbólica e cultural, e tamén como medio de socialización do patrimonio arqueolóxico. Partindo dun baleirado documental e bibliográfico centrado na nosa área de actuación, expóñense os resultados dun estudo sobre uns monumentos estáticos no espazo, pero reinterpretados dinamicamente co paso de séculos e sociedades.
Este traballo ten como obxectivo fundamental contribuír ao estudo e á protección da arte rupestre, así como do patrimonio inmaterial vinculado, partindo da premisa de que a colaboración activa coas comunidades locais e a integración dun enfoque multivocal favorecen a promoción do seu patrimonio cultural en conxunto.