Auga, medio ambiente e sustentabilidade nun novo número da revista Redas

2024-05-13

No ano 2016 publicouse o primeiro número da revista Redas. Revista de Derecho, Agua y Sostenibilidad, lanzada desde a Facultade de Dereito no marco do proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus da Auga. A publicación electrónica, que ten unha periodicidade anual, vén de lazar o número correspondente a 2018 apostando unha vez máis por afondar en temas de dereito estatal e internacional relacionados coa auga pero tamén co medio ambiente e co desenvolvemento sostible. Rematado este número, a organización xa traballa na elaboración do vindeiro estando aberto o prazo de presentación de artigos.

“Este novo número segue a mesma liña dos anteriores, traballando especificamente contidos sobre a auga e sobre temas máis amplos de medio ambiente e sustentabilidade, contidos que van dirixidos tanto a persoas interesadas nestas materias procedentes do ámbito académico como do profesional”, explica Roberto O. Bustillo, profesor titular de Dereito Administrativo da Universidade de Vigo director da publicación, e Laura Movilla, profesora axudante doutora de Dereito Internacional Público e secretaria académica de Redas. A publicación, sinalan, cumpre os seus tres anos de vida atraendo cada vez máis o interese de expertas e expertos doutros países, principalmente hispanoamericanos, e formando parte xa da actividade académica da Rede de Excelencia de Estudos Xurídico-Marítimos Redexmar.

Ler a nova completa no DUVI