Sobre a revista

A revista Minius é unha publicación periódica de investigación no ámbito das Humanidades —temática miscelánea de historia, arte e xeografía— editada e xestionada polo Departamento de Historia, Arte e Xeografía da Universidade de Vigo. Creada no ano 1992, publicase regularmente un número anual. 

Minius está dirixida e administrada por un Consello de Redacción, formado por membros de Consello de Departamento e investigadores doutras universidades. Tamén conta cun Consello Científicoexterno, composto por recoñecidos especialistas universitarios e investigadores españois e estranxeiros.

As bases de datos bibliográficas e directorios nos que está incluida son: LATINDEX, DIALNET y REGESTA IMPERII. Asemade, está indexada nos segintes índices de impacto: CIRC, InDICEs (CSIC), MIAR (ub), Resh. Revistas Españolas de Ciencias Sociales y Humanidades (EPUC-CCHS7CSIC; E3C-UGr) y CARHUS + (AGAUR).

 

Normas de publicación


  1. Os artigos presentaranse en formato Word para Windows e deberán ter unha extensión máxima dunhas 15.000 palabras, equivalentes aproximadamente a 40 din a-4, a dobre espazo, en letra Times New Roman de doce puntos, incluíndo cadros, gráficos, mapas, ilustracións, notas e bibliografía. Cada texto irá precedido dunha páxina que conteña o título, resumo do artigo e palabras chave, en galego ou castelán e en inglés, nome do autor ou autores, profesión, centro de traballo, dirección postal completa, teléfono e dirección de correo electrónico do autor/a ou autores/ as.

  2. Ademais, debe entregarse unha copia cega do texto orixinal, é dicir, sen datos de calquer natureza que permitan a identificación do autor/a, incluidos os metadatos e autocitas no texto.

  3. A numeración dos epígrafes que aluden a divisións e subdivisións do texto utilizarán cifras arábigas, evitando a numeración romana e as letras.

  4. Evitarase o número excesivo de citas textuais que, se non pasan das tres liñas, deberán ir entre comiñas dobres (“”), co o mesmo tipo de letra e sen cursiva, incluíndo en nota ao pé a referencia bibliográfica. As citas textuais máis longas poñeranse en parágrafo aparte, con sangría pola esquerda e letra de corpo 10. Unha cita dentro doutra cita marcarase con comiñas simples (‘’).

  5. Todo traballo deberá conter unha listaxe bibliográfica final co título Bibliografía. As referencias limitaranse ás obras citadas no traballo, con sangría francesa, e se ordenarán alfabeticamente polo primeiro apelido do autor/a e ano de publicación; se dous ou máis traballos teñen o mesmo autor/a e ano, distínguense entre si con letras minúsculas a continuación do ano e dentro da paréntese. Observarase o seguinte formato:

    • Monografías:
      Artola, M. (dir.) (1978): Los ferrocarriles en España: 1844-1943, Madrid, Servicio de Estudios del Banco de España.
      Vilar, P. (1996): La guerra civil española, Barcelona, Grijalbo Mondadori.
    • Artigos de revista:
      Pérez García, J. M. (1992): “El Catastro del Marqués de la Ensenada en tierras de León. Problemas y soluciones para su adecuado uso historiográfico”, Minius, 1: 167-169.
    • Colaboración en obra colectiva:
      González Enciso, A. (2006): “Spain’s mobilisation of resources for the war with Portugal in 1762”, en Bowen, H. V. e González Enciso, A. (coords.): Mobilising Resources for War, Pamplona, Eunsa: 159-190.
  6. As notas ao pé de páxina irán numeradas correlativamente en números arábigos e voadas sobre o texto (superíndice); compoñeranse coa opción específica do procesador de texto. De seguir signo de puntuación, este poñerase despois do número da chamada e nunca antes (exemplo1, exemplo.1). As referencias bibliográficas citadas indicaranse en nota ao pé de páxina e de modo abreviado, consignando os apelidos e inicial do nome do/da autor/a , en versalitas, o ano de publicación e a páxina da cita: Duro Peña, E. (1973): 27. Lucas Álvarez, M. e Lucas Domínguez, P.P. (1988): 298-299.
  7. O material gráfico que acompañe ao texto deberá ir numerado en cifras arábigas e correlativas, contando cada un deles cun breve título que o identifique, debendo indicarse as súas fontes. As táboas ou cadros compoñeranse facendo uso da opción específica do procesador de textos. Os orixinais de gráficos e ilustracións presentaranse con calidade de ser dixitalizados, e os primeiros poderán incluírse nun arquivo informático de calquera folla de cálculo (preferentemente Excel); neste caso recoméndase presentar na mesma páxina o gráfico e a táboa de datos.

  8. Os autores recibirán unha soa proba de imprenta. Durante o proceso de corrección non se permitirá incrementar o texto máis dun 5%. Os autores/ as comprometeranse a corrixir as probas nun prazo de quince días, contados desde a súa entrega.