Redas preséntase como a primeira publicación xurídica española especializada en auga e medio ambiente

2024-05-13
11/02/2016 | NOTICIAS

A primeira publicación xurídica española especializada en auga e medio ambiente. Deste xeito presentouse este xoves no campus de Ourense a Revista de Agua, Derecho y Sostenibilidad-Redas e o seu número cero. A publicación, de carácter electrónico e xestionada desde a Facultade de Dereito, nace no contexto académico do Campus da Auga e co obxectivo de ir máis alá dunha revista e converterse nun foro para o intercambio de experiencias e coñecemento xurídicos e de xestión entre profesionais especializados en recursos hídricos, medio ambiente e desenvolvemento sustentable.

Redas, recalcou Roberto Bustillo, o seu director e docente da Facultade de Dereito, créase no campus de Ourense froito “do intenso compromiso do noso centro co proxecto de especialización do Campus da Auga”. Desta iniciativa, a decana da facultade, Marta Fernández, subliñou na súa presentación o seu carácter “pioneiro”. Trátase, recalcou Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense “dunha revista útil, onde se combinan perfectamente o mundo académico e profesional” destinada a “diagnosticar problemas da realidade da auga e propor solucións, dar ás autoridades ferramentas para a toma de decisións”. “Estamos seguros de que a revista vai ser un foro de debate no que van poder interactuar especialistas xurídicos, compartir ideas, fixar posicións, resolver dúbidas”, engadiu Francisco Marín Muñoz, presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, entidade patrocinadora da revista xunto ao Grupo Coren e Augas de Galicia.

Ler a nova completa no DUVI