LATINDEX
DIALNET
Datos de rexistro de REDAS no catálogo de DIALNET
Sete traballos de investigación e tres iniciativas de diferente índole veñen de ser distinguidos na primeira edición dos Premios de Investigación, Transferencia, Innovación Educativa e Divulgación Científica do Campus da Auga. Este mércores fíxose pública a resolución pola que se conceden uns galardóns que teñen como obxectivo visibilizar e fomentar o traballo da comunidade universitaria en temas relacionados co motor estratéxico de especialización do campus de Ourense. Entre os galardoados están unha tese sobre sensores fotónicos para monitorización remota de ecosistemas e un traballo fin de grao sobre valorización de augas mineromedicinais para a elaboración de cremas solares con extracto de pebida de bagazo.
A esta primeira edición dos premios, dotados en total con 3600 euros achegados por Viaqua, podía presentarse persoal docente e investigador da Universidade de Vigo e alumnado matriculado nos cursos 2014/2015; 2015/2016 e 2016/2017 nesta institución académica. “En total recibimos 31 propostas. Unha cifra moi positiva tendo en conta que estamos ante a primeira edición e que os traballos presentados abranguen moitos dos eixes de actuación do Campus da Auga”, apunta Virxilio Rodríguez, comisionado do Campus da Auga e vicerreitor do campus de Ourense. Estes galardóns, engade, “permiten aflorar e dar unha visión de conxunto” do traballo que se está facendo no campus en investigación, transferencia, innovación educativa e divulgación arredor da temática da auga e “poñen de relevo que a especialización é xa unha realidade”.