Interaccións dixitais e desigualdade de xénero: Un estudo sobre o uso de Instagram entre estudantes universitarios
DOI:
https://doi.org/10.35869/god.v2.5892Palabras clave:
xénero, Instagram, violencia dixital, autoexposición, desigualdadeResumo
O presente estudo analiza como as redes sociais, especialmente Instagram, funcionan como espazos onde se reproducen e amplifican as desigualdades de xénero e a violencia simbólica. Utilizando unha metodoloxía cualitativa baseada en grupos de discusión, o estudo explora as experiencias do alumnado universitario en contornas dixitais. Os resultados revelan que Instagram actúa como un espazo hostil para as mulleres, que afrontan altos niveis de acoso e presión para cumprir cos estándares de beleza hexemónicos. Aínda que Instagram se presenta como unha plataforma de empoderamento e autoexpresión, o presente estudo conclúe que a autoexposición e a autoobxectivación perpetúan as estruturas de poder patriarcais, que obrigan ás mulleres a adaptarse a roles de xénero tradicionais. As dinámicas dixitais impulsadas polo anonimato e a falta de restricións eficaces aumentan o risco para as mulleres, incrementando as interaccións non desexadas e a vulnerabilidade ante as violencias dixitais. A investigación suxire a urxencia dunha educación en igualdade que aborde a crítica a estas dinámicas para construír espazos dixitais seguros.