A AGPTI concede o Premio Xela Arias a Viceversa

2021-09-30


Comprácenos comunicarvos que hoxe, no Día internacional da tradución, recibimos a noticia de que a revista Viceversa foi galardoada co Premio Xela Arias que concede a AGPTI (Asociación galega de profesionais da tradución e da interpretación).

Este premio alédanos por varios motivos: porque leva o nome de quen foi membro do Consello de redacción da revista ata o seu pasamento no ano 2003; porque neste ano 2021 o Día das letras galegas celebra a creación poética e tradutora de Xela Arias; porque nos próximos días sairá do prelo un libro coordinado por Viceversa con estudos sobre as traducións de Xela Arias.

A AGPTI sinala que lle fai este recoñecemento a Viceversa «polo traballo que fai en relación coa teoría da tradución á nosa lingua e pola súa traxectoria». Este traballo sería imposible sen o compromiso das moitas persoas que dende 1995 veñen colaborando coa revista nos seus diferentes comités ou como autoras ou revisoras dos máis de 400 traballos publicados en 21 números, así como das lectoras e lectores de todo o mundo que seguen as nosas publicacións tanto en papel como en formato dixital.

Feliz Día internacional da tradución!!
Alberto Álvarez Lugrís, Ana Luna Alonso
Viceversa. Revista galega de tradución