Envíos
Listaxe de verificación para preparar o envío dun artigo
Como parte integrante do proceso de envío dun artigo, as autoras e autores teñen que asegurarse de que o seu traballo cumpra todas as condicións que se indicar a seguir. No caso de non se seguiren estas directrices, os artigos poderanse devolver.- O artigo non está publicado en ningunha outra revista ou libro nin se está a avaliar para a súa publicación noutros medios.
- O artigo está anonimizado, é dicir, non contén ningún tipo de referencias de autoría, nin no título, nin na filiación, nin nas referencias bibliográficas.
- O artigo envíase nun arquivo de texto editable (docx, pdf, odt, etc.).
- O artigo cumpre as normas de estilo que se indican máis abaixo. Podes descargar modelos para as distintas seccións: Teoría e historia, Instrumenta e formación, Traducións xustificadas, Críticas e recensións.
- Se o artigo contén gráficos ou imaxes, a autora ou autor conta cos correspondentes dereitos de reprodución.
- Sempre que sexa posible indícanse os DOI e/ou URL das referencias bibliográficas.
Directrices para autoras e autores
FOLLA DE ESTILO DE VICEVERSA
1. Pódense enviar traballos redactados en galego ou outras linguas europeas; a revista traduciraos ao galego para a súa publicación. Na súa páxina web Viceversa ofrecerá tanto a versión galega como a orixinal.
2. Cómpre enviar os orixinais en formato de texto editable (.doc, .docx, .odt ou .rtf). Recibirase unha confirmación da data de recepción do traballo, que seguidamente pasará a ser avaliado por dúas persoas do comité censor externo, que emitirán un informe vinculante sobre a pertinencia da súa publicación. No caso de informes contraditorios, solicitarase unha terceira opinión. Unha vez aceptada a súa publicación, comunicaráselles tamén ás autoras no prazo de 4 meses.
3. A extensión máxima dos traballos, sen bibliografía, será a que segue:
- Teoría e Historia: 20 páxinas (52.000 caracteres con espazos).
- Instrumenta e Formación e Traducións xustificadas:15 páxinas (22.000 caracteres con espazos).
- Críticas e Recensións: 10 páxinas (11.000 caracteres con espazos).
- Informacións: 5 páxinas (7.000 caracteres con espazos).
4. No caso de os houber, os agradecementos e as mencións a fontes de financiamento deben figurar nunha nota a pé de páxina no título do traballo.
5. A revista Viceversa resérvase o dereito de facer correccións ortotipográficas menores nos traballos seleccionados para publicación, pero será obriga das autoras aplicar as correccións e suxestións que poidan indicarse no proceso de revisión así como seguir as normas de estilo e modelos de formato de cada achega.
1. Estrutura interna: Teoría e historia e Instrumenta e Formación
O traballo debe estar encabezado polo título do mesmo e a filiación completa (autoría, filiación institucional, identificador ORCID e enderezo electrónico). A continuación incluirase un resumo de non menos de 120 palabras do traballo xunto coa súa tradución ao inglés. Nel débense explicar os puntos máis importantes da contribución: obxectivos, metodoloxía, conclusión. A seguir débense especificar, tamén na lingua de redacción e en inglés, as catro ou cinco palabras clave que definan o traballo. Recomendamos que descarguen o modelo de artigo de Teoría e Historia e Instrumenta e Formación co formato requirido.
O traballo debe estar estruturado en apartados numerados correlativamente. O epígrafe que dá título a cada apartado debe compoñerse en Arial en negra, cun corpo de letra de 12 puntos, interliñado sinxelo e xustificación completa. Os epígrafes dos subapartados, se os houber, compoñeranse do mesmo xeito.
1.1. Formato do texto
O traballo debe estar composto en Arial, cun corpo de letra de 12 puntos, interliñado sinxelo e xustificación completa. A primeira liña de cada parágrafo terá unha sangría de 1,5 cm, excepto os parágrafos iniciais de cada apartado ou subapartado, os parágrafos que seguen a ilustracións, táboas ou citas e os correspondentes a citas literais de máis de tres liñas (vid. 1.2.).
1.2. Citas literais
As citas de menos de tres liñas deben ir dentro do corpo do texto, con comiñas angulares («, »). As citas de tres liñas ou máis deben ir fóra do corpo do texto, sen comiñas, con sangrado pola esquerda de 1,5 cm. e cun corpo de letra de 11 puntos, interliñado sinxelo e xustificación completa. Non deben levar sangría nin tabulación na primeira liña.
1.3. Citas bibliográficas
Débese utilizar o sistema da referencia ao primeiro elemento e á data. No texto faise referencia á autoría e ao ano de publicación. Se o apelido forma parte do texto, indícanse o ano e as páxinas entre parénteses:
Figueroa (1994, p. 12-13) afirma que...
Se os apelidos da autora non van citados no texto, a referencia entre parénteses incluirán o apelido, a data e as páxinas separadas por comas:
Os membros da Xeración Nós tiveron un intenso contacto cos escritores franceses (Garrido, 1994, p. 44).
Este sistema implica que ten que haber unha referencia bibliográfica coma a que se explica máis abaixo (cf. 2.1.).
Se se citan varias obras dunha mesma autoría publicadas no mesmo ano, cómpre engadirlle unha letra (a, b, c, d...) ao ano, tanto na cita que se fai no texto (Figueroa 1994a, p. 30) coma na lista bibliográfica final (Figueroa, A. 1988a. Diglosia e texto. Vigo: Edicións Xerais de Galicia).
Se se inclúen citas ou referencias nas notas ao pé, debe indicarse sempre unha referencia abreviada que remita á listaxe bibliográfica do final (Auger & Rousseau, 1987); é dicir, nas notas ao pé non se debe incluír o detalle dunha referencia bibliográfica.
1.4. Uso de comiñas
Os diferentes tipos de comiñas teñen usos diferenciados:
- Angulares (« ALT-0171, » ALT-0187): para citas literais dentro do texto (menos de tres liñas).
- Inglesas dobres (“ ”): para resaltar palabras, títulos, etc.
- Inglesas simples (‘ ’): para resaltar palabras dentro dunha cita máis longa, introducida por comiñas angulares.
1.5. Uso de cursiva
O uso da cursiva limitarase a resaltar palabras doutras linguas. Eventualmente pode utilizarse para introducir texto que non é estritamente unha cita, por exemplo unha tradución (inédita ou para distinguila do orixinal).
1.6. Uso da negriña
Poderase empregar para resaltar no texto conceptos importantes, pero procurarase sempre evitar un uso abusivo. Os epígrafes nos que se divida o traballo ou, no seu caso, a numeración de parágrafos, consignaranse sempre en negriña.
1.7. O subliñado
Evitarase sempre o uso do subliñado nos traballos, substituíndoo por cursiva, negriña ou outras formas de resaltar, marcar e enfatizar.
1.8. Notas ao pé
Deberanse compoñer en Arial, cun corpo de letra de 10 puntos, interliñado sinxelo e xustificación completa. Reservaranse para introducir texto complementario e nunca deben servir para introducir só referencias bibliográficas. A referencia bibliográfica abreviada que apareza no texto da nota ao pé debe corresponder sempre a unha entrada da lista de referencias bibliográficas que aparece ao final do traballo.
1.9. Uso dos trazos e guións
Empregarase o trazo longo (—) como alternativa ás parénteses para introducir texto complementario ou prescindible, aclaracións, explicacións, etc.
Ademais, empregarase o trazo longo (—) para:
- introducir intervencións en diálogos; e
- en grupos de tres (———), para substituír os apelidos e nomes de autoras das referencias bibliográficas a partir da segunda, no caso de que se citen dúas ou máis obras da mesma autoría.
O trazo medio (–) empregarase para combinacións de números e letras (por exemplo: a cela 2–A dunha táboa) ou para períodos de tempo (por exemplo: anos 2000–2016).
O guión (-) empregarase para separar palabras en sílabas, para escribir palabras compostas ou tras o adverbio interrogativo u.
1.10. Ilustracións, gráficos, táboas, etc.
As ilustracións, gráficos, táboas, etc. que se empreguen no artigo deben numerarse correlativamente, levar sempre un pé (Arial, cursiva, 10 puntos, interliñado sinxelo, xustificación completa), e inserirse no lugar correspondente do traballo. O texto das táboas deberá comporse en Arial, 11 puntos, interliñado sinxelo e xustificación completa. As ilustracións, gráficos e táboas deben axustarse ás marxes xerais do traballo. As ilustracións, gráficos e táboas presentaranse tamén en arquivos independentes nomeados co número que corresponda (ilustración 1, gráfico 2, táboa 6, etc.).
1.11. Exemplos
Se o traballo inclúe exemplos deben ir numerados correlativamente e compostos como as citas de tres liñas ou máis (cf. 1.2.). Se os exemplos inclúen orixinal e tradución, recoméndase que vaian en parágrafos distintos, co orixinal en redonda e a tradución en cursiva. Nestes casos, o texto orixinal e a tradución poden presentarse en columnas paralelas ou unha a continuación do outro.
1.12. Listaxe de Referencias bibliográficas e Bibliografía
Débese entender por referencias bibliográficas a listaxe de obras que teñen unha conexión directa co texto redactado e que nel se citaron. Á parte, e baixo o epígrafe de bibliografía, a autora pode engadir unha serie de referencias, non citadas, pero importantes para a comprensión xeral do traballo.
Se se citan varias obras da mesma autoría, na listaxe de referencias bibliográficas consignaranse por orde cronolóxica ascendente. De haber dúas obras coa mesma data, identificaranse engadindo unha letra (a, b, c...) ao ano.
Cando se citen varias obras da mesma autora e coincidan obras de autoría individual e colectiva, citaranse primeiro as individuais e despois as colectivas, independentemente do ano de publicación.
Se o traballo emprega un corpus textual como obxecto de estudo, pódense incluír os textos que o compoñen nunha listaxe de Referencias bibliográficas do corpus, que terá as mesmas características que o apartado de Referencias bibliográficas.
1.12.1. Redacción das Referencias bibliográficas e da Bibliografía
Os apelidos consignaranse sempre en versaleta e, sempre que sexa posible, débense desenvolver os nomes de pía das autoras. Se un traballo está dispoñible para consulta en internet e/ou ten asignado un DOI, debe indicarse sempre; farase entre corchetes, ao final da entrada. Prégase comprobar que todas as ligazóns están activas.
Repárese na sangría francesa de 1,5 cm na composición de todas as referencias bibliográficas.
a) Libro
Auger, Pierre & Rousseau, Louis M. 1987. Metodología de la recerca terminològica. Traducció i adaptació de María Teresa Cabré i Castellví. Barcelona: Departament de Cultura de la Generalitat de Catalunya, 1987.
Na referencia bibliográfica débese dar o maior número de datos sobre a responsabilidade secundaria (editoras, tradutoras, revisoras, etc.).
b) Artigo publicado en libro
Boulanger, Jean Claude 1989. «L’évolution du concept de ‘néologie’, de la linguistique aux industries de la langue». En Schatzen, D. de (ed.) Terminologie diachronique. París: Conseil International de la Langue Française, 1989.
c) Artigo publicado en revista
Mauranen, Anna 1993. «Contrastive ESP Rhetoric: Metatext in Finnish-English Economics Texts». En English for Specific Purposes. Vol. 12, pp. 3-32. [https://doi.org/10.1016/0889-4906(93)90024-I].
d) Audiovisuais
Os xogos da fame (The Hunger Games). 2012. Gary Ross. Lionsgate. Tradución para a dobraxe: Raquel González Da Silva.
e) Videoxogos
Battle Royale. Versión PC. 2017. Epic Games.
f) Redes sociais
Viceversa. Revista galega de tradución (@Viceversa_RGT). «Anuncio de creación de perfil na rede Twitter». 4 de febreiro de 2020, 16.04. Twitter. [https://twitter.com/Viceversa_RGT/status/1357344273750917120. Última consulta: 26/04/20].
g) Lexislación
Galicia. Lei do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia. LEI 10/2021, 9 de marzo de 2021. Diario oficial de Galicia, nº 50, páx. 14606, 15 de marzo de 2021. [https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210315/AnuncioC3B0-090321-0001_gl.html. Última consulta: 17/03/21].
h) Normas técnicas
Organización Internacional de Normalización. ISO 9001:2015 Sistemas de xestión da calidade. 2015. [https://www.normas-iso.com/iso-9001/ Última consulta: 13/03/19].
i) Traballos académicos non publicados
Fernández Fernández, Saleta 1996. A traducción inglés-galego: aproximación a un estudio da súa evolución. Traballo de fin de carreira da Licenciatura de Traducción e Interpretación. Vigo: Universidade de Vigo.
l) Fontes electrónicas
1. Fontes publicadas orixinalmente en papel e con versión electrónica posterior:
Pérez-Barreiro Nolla Fernando 2001. «Tradución de textos literarios vs. textos científicos». En Viceversa. Revista galega de tradución. Vol. 6, pp. 105-110. [Dispoñible en liña: http://revistas.webs.uvigo.es/index.php/viceversa/article/view/2331 – Última consulta 06/05/20].
2. Fontes de documentación publicadas exclusivamente en internet
Ferreira de Brito, Gisele & Picanço, Vania M. 2004. Manual para elaboração de referências bibliográficas segundo a NBR6023/2002. São Paulo: FECAP. [https://www.researchgate.net/publication/237369825 - Última consulta 13/06/20].
2. Estrutura interna: Traducións xustificadas
Os traballos presentados para a sección de Traducións xustificadas cumprirán os mesmos requisitos formais que os anteriores (Teoría e Historia e Instrumenta e Formación) excepto:
- Non deben incluír resumos e palabras clave.
- Non é preciso que estean divididos en apartados e subapartados.
- Non é preciso que teñan un apartado de Referencias bibliográficas nin Bibliografía.
As contribucións deste bloque deben indicar a referencia completa da obra á que se refiren despois do título e da filiación completa da autora, nun novo parágrafo. Recomendamos que descarguen o modelo de artigo de Traducións xustificadas co formato requirido.
3. Estrutura interna: Críticas e recensións
Os traballos que se presenten para esta sección cumprirán os mesmos requisitos formais que os anteriores (Traducións xustificadas) excepto:
- A filiación completa da autora debe indicarse ao remate do traballo.
- A referencia completa da obra á que se refiren debe indicarse despois do título, nun novo parágrafo. Esta referencia debe incluír sempre os seguintes datos: Apelidos, Nome (ano de publicación), Título da obra. Cidade: Editorial. ISBN. Nº de páxinas. [url e/ou DOI, de existiren].
Recomendamos que descarguen o modelo de artigo de Críticas e recensións co formato requirido.
Dereitos de autor/a:
Todos os traballos publicados en Viceversa están suxeitos a unha licencia "Creative Commons Recoñecemento-Non Comercial" (CC-BY-NC).
Os autores e autoras seguen a ter a propiedade dos seus traballos e poden volver a publicalos noutro medio sen necesidade de solicitar autorización de Viceversa coa condición de que declaren que o traballo se publicou orixinalmente nesta revista.
DOI (Digital Object Identifier)
Cada un dos traballos publicados en Viceversa terá asignado un DOI (Digital Object Identifier)
Prevención do plaxio:
Coa fin de garantir a orixinalidade dos traballos publicados e garantir o cumprimento do seu código ético, Viceversa emprega a ferramenta de detección de plaxio contratada pola Universidade de Vigo.
Declaración de privacidade
Os nomes, enderezos de correo electrónico e/ou postal e outros datos de carácter persoal recollidos en Viceversa empréganse só para as finalidades declaradas pola revista: envío e recepción de traballos para publicación, avaliación de traballos polo Consello de redacción e o Comité censor e correspondencia sobre a revista. En ningún caso estarán dispoñibles para outros propósitos nin se cederán a terceiras persoas. De conformidade co Regulamento 2016/679 do Parlamento europeo e do Consello europeo do 27 de abril de 2016 relativo á protección das persoas físicas no tocante ao tratamento de datos persoais e á libre circulación deses datos, as pesoas usuarias deste sitio web teñen dereito de acceso, rectificación, oposición, supresión, limitación do tratamento e portabilidade con respecto aos devanditos datos.