APLICACIÓN DO ARTIGO 262.5 DA LEI DE SOCIEDADES ANÓNIMAS A UN SUPOSTO DE RESPONSABILIDADE DOS MEMBROS DO CONSELLO RECTOR POR FALTA DE DISOLUCIÓN E LIQUIDACIÓN DA COOPERATIVA [Anotación á Sentenza da AP de Vizcaia núm. 133/2005 (Sección 4a.), do 18 de febr
Resumo
A mercantil “Corporación Comercial Kanguros, S.A.” presentou demanda ante o Xulgado de Primeira Instancia núm. 4 de Barakaldo contra a mercantil “Multiform Sdad. Coop.” (declarada en rebeldía) e contra os membros do seu Consello Rector [D. Rubén, D. Jon, D. Luis María, D. Enrique (declarado en rebeldía) e D. Esteban], reclamando a suma de tres millóns quinientas vintecatro mil oitocentas cincuenta e cinco pesetas (vinteun mil cento oitenta e catro euros con oitenta e un céntimos) correspondente a un suministro de mercaderías recibido e non satisfeito pola Cooperativa demandada.
Pártese da base de que os socios compoñentes do referido Consello Rector cesaron, como tales, en toda actividade no mes de decembro de 1998, data na que se deron de baixa no Réxime de Autónomos da Seguridade Social. Entendendo que se deixaron de traballar deixou de existir a Sociedade, resáltase o dato de que as derradeiras contas da Cooperativa inscritas son as correspondentes ó exercicio de 1996, sen que se inscribiran as de 1997 por ser rehusadas e non subsanadas. Considérase incuestionable que a partir do 31 de decembro de 1998 a Cooperativa abandona calquer tipo de actividade e, sen proceder á súa liquidación, queda paralizada ata os nosos días.
Entroncando esta paralización coa inactividade dos socios rectores durante os dous anos posteriores á mesma, o Xulgado acredita a presencia da causa de disolución prevista no artigo. 87.3 da Lei de Cooperativas do País Vasco [“serán causas de disolución da Cooperativa: (...) 3. A paralización ou inactividade dos órganos sociais ou a interrupción sen causa xustificada da actividade cooperativa, en ambos casos durante dous anos consecutivos”]. Relacionando esta causa co artigo 262.5 da Lei de Sociedades Anónimas (LSA), chega á conclusión de que os membros do Consello Rector teñen que responder polas débedas sociais ó non teren disolto e liquidado a Cooperativa ordenadamente ó concurrir causa de disolución da mesma.
Así as cousas, en sentencia de 28 de abril de 2003, o Xulgado de Primeira Instancia núm. 4 de Barakaldo estimou integramente a demanda, condenando ós demandados a pagar solidariamente á parte actora, a mercantil “Corporación Comercial Kanguros, S.A.”, a suma de vinteun mil cento oitenta e catro euros con oitenta e un céntimos, así como a interese legal do diñeiro da referida suma dende a data de presentación da derradeira das demandas, 5 de xaneiro de 2001, ata a data da sentencia e a interese legal do diñeiro incrementado en dous puntos da citada suma dende a data da sentencia ata que sexa totalmente executada. Condénase tamén á parte demandada ó pago das costas procesais.